
Teitamos. Construímos dereitos: teito, cidade e arquitectura é un proxecto independente de investigación, práctica e transferencia de coñecemento que recompila e articula máis de trinta anos de traballo continuado arredor do hábitat, a vivenda e o territorio.
O proxecto constrúese desde a arquitectura entendida como proceso, non como produto; como ferramenta de lectura crítica da realidade e como práctica situada en contextos de conflito social, territorial e ambiental. As experiencias que aquí se recollen desenvolvéronse en ámbitos diversos —Galicia, África, América Latina e Oriente Medio— e abranguen tanto o rural como a cidade, a emerxencia, o desprazamento forzado, a autoconstrucción, o abandono territorial e a destrución deliberada do hábitat.
Teitamos combina traballo de campo, docencia universitaria, investigación aplicada e acción colectiva. Os seus contidos proceden de laboratorios executados, procesos reais de acompañamento a comunidades, estudos territoriais, talleres, publicacións académicas e materiais de transferencia pública.
Esta web non funciona como escaparate profesional nin como arquivo neutro. É unha infraestrutura de pensamento e acción, aberta a quen entenda a arquitectura como responsabilidade pública e como instrumento para facer efectivos os dereitos ao teito, á cidade e ao territorio.
Teitamos non ofrece respostas universais.
Ofrece ferramentas, procesos e posicións para intervir no real con rigor, compromiso e coidado.